Aló polo ano 2009 constituíase o grupo Milesios e escribiamos este pequeno texto que explica a orixe do noso nome. Utilizámolo agora para iniciar a sección «Historias» do noso web, en que iremos contando todo o relativo á música que interpretamos e o mundo que as rodea:
Por que Milesios?
O interese por interpretar música galega e irlandesa, así como de outros países do entorno cultural celta, fai que os membros do grupo pensen nun nome que evoque esa circunstancia. Por iso recorren aos poemas do Leabhar Ghabhála Érenn, libro das conquistas de Irlanda.
Amhairghin mac Míled (ou Amergin) foi un dos fillos de Míl Espáine, druida, filidh e xuíz dos Milesios, identificados dentro da mitoloxía irlandesa como os primeiros habitantes gaélicos de Éire. Existen varios poemas atribuídos a Amergin dentro das sagas e lendas irlandesas. Os Milesios chegaron a Éire desde o norte da Península Ibérica (Hispania), para vingaren a morte de Íth, fillo de Breogán. Este guerreiro fora enviado á illa para explorala e foi asasinado por tres dos Reis dos Tuatha Dé Danann, seres divinos e antigos habitantes de Éire. Ao chegar á terra e pisar por primeira vez co pé dereito a Illa, Amergin entoou un himno, coñecido como “A canción de Amergin”.
As tres raíñas dos Tuatha Dé Danann deron permiso a Amergin e á súa xente para se asentaren en Irlanda. Cada unha pediu que a Illa fose nomeada na súa honra, ao cal Amergin accedeu. Ériu converteuse no nome principal da illa, actualmente chamada Éire en gaélico irlandés, e Banba e Fódla son nomes poéticos que se lle dan á illa.
Así e todo, os Milesios tiñan que gañar o reinado da Illa nunha batalla cos Reis Irlandeses, os seus druídas e guerreiros. De modo que aceptaron deixar a illa e afastarse nove ondas de distancia, atravesando unha barreira máxica, antes de regresaren a pelexar. Mais, ao alcanzaren a distancia convida, os druídas dos Tuatha Dé Danann invocaron unha treboada para os manter baixo control e que non puidesen desembarcar de novo. Amergin realizou entón a “Invocación de Éire” para derrotar a maxia dos Tuatha Dé Danann e poder chegar a terra. Após unha feroz batalla, onde os Reis Irlandeses foron mortos en combates corpo a corpo con tres dos fillos de Mil, Eber Finn, Éremón e o mesmísimo Amergin, os Milesios triunfaron. Amergin dividiu a terra entre os seus dous irmáns. Eber tomou o sur e Éremón o norte. Os Tuatha Dé Dannan, retiráronse ao mundo subterráneo, formando parte da xente dos Áes Shíde (Fadas).