Milesios nace a comezos do verán de 2009. Un grupo de amigos reúnense para poñer a nota tradicional no Penela Rock, unha cita anual da comarca monfortina. Úneos o seu interese pola música tradicional galega e irlandesa. Desde esa data actuaron en numerosos festivais: Rabafolc 2010, Festival celta máis pequeno do mundo, San Froilán 2011, 2013, 2015 e 2017, Noite Celta de Porcía 2012, Pardiñas 2012, Festival 27373 2014, Festival da Chaira 2013 e 2018, Sons da Celtibéria 2017, compartindo escenario con grupos como Berrogüetto, Capercaillie, Coetus, Kepa Junquera, Pepe Vaamonde Grupo, Quempallou ou Tiruleque. Tamén tocaron en locais de música en directo, como A Repichoca de Coruña, Marrucho de Baiona ou Clavicémbalo de Lugo. En 2011 foron un dos 10 finalistas do Proxecto Runas do Festival de Ortigueira. En 2015, foron premiados no III Certamen “Folk en la Sierra – FIS 2012”, ex aequo con BOC, de Baleares, e Menaya de Soria.
Primeiro CD: alén mar
En febreiro de 2013, sae á luz o seu primeiro CD: alén mar, que contén obras tradicionais e obras compostas polo grupo. Entre estas composicións atópase a obra que dá título ao disco e que evoca a viaxe que fixeron os milesios hai miles de anos desde as costas de Galiza a Irlanda. Para a gravación deste CD, Milesios contou coa colaboración especial de Pilocha e Carolina Vázquez Castro, que poñen a súa voz a dúas das pezas. A produción sonora correu a cargo de Ezequiel Orol, de Fuzz Audio Facilities. Daniel Díaz Trigo foi o responsable do deseño gráfico, mentres os textos que ilustran os distintos temas son obra de Nerea Pallares.
Segundo CD: indoevindo
Catro anos despois de alén mar, chega este novo traballo gravado, mesturado e masterizado en Abrigueiro Estudios por Arturo Vaquero.
O traballo continúa a explorar as relacións entre a música galega e irlandesa con pezas que beben de ambas tradicións e outras de composición propia.
A principal mudanza deste traballo respecto ao anterior é a incorporación da voz en catro das pezas. Tres destas pezas son adaptacións de cantos tradicionais e na cuarta, Milesios pon música ao poema Anceio, publicado en 1954 por Manuel María dentro do libro Advento.
O novo traballo de Milesios componse de 11 temas que queren ser un concerto itinerante. Despois destes once temas que conforman o concerto, atoparedes unha paisaxe sonora, creada sobre unha idea de Daniel Díaz, que evoca o noso ir e vir cotián e contén os ecos do concerto recén escoitado. Para finalizar o concerto, ofrécennos unhas xotas de propina. E como non hai xota sen muiñeira, tamén atoparedes unhas muiñeiras para rematar bailando.
En total, o CD contén case unha hora de música que se insire nas paisaxes que se repiten, sempre distintas, indo e vindo, das fotografías de Daniel Díaz Trigo.