Milesios lanza o seu primeiro disco

ByMilesios

Milesios lanza o seu primeiro disco

O grupo de música celta Milesios acaba de publicar o seu primeiro disco, titulado Alén mar. Fiel á súa traxectoria, o disco contén obras tradicionais e obras compostas polo grupo. A peza que dá nome ao disco, Alén mar, é unha das primeiras composicións do grupo e fai referencia á viaxe que os Milesios fixeron hai miles de anos desde as costas de Galiza cara Irlanda. Neste primeiro traballo, o grupo introduce por primeira vez a voz en dúas das catorce pezas que compoñen o disco. Unha das pezas cantadas constitúe a versión musical dun poema de Darío Xohán Cabana e, para a súa interpretación, Milesios conta coa colaboración especial de Pilocha Martínez. A outra peza cantada é un tema tradicional no que Carolina Vázquez Castro se une ás voces que aportan os compoñentes do grupo.
A produción de son correu a cargo de Ezequiel Orol, de Fuzz Audio Facilities, Daniel Díaz Trigo é o responsable das fotografías e o deseño gráfico, mentres Nerea Pallares escribiu evocadores textos para cada un dos temas.

A presentación oficial do disco terá lugar en Lugo o próximo día 22 de febreiro ás 20:00 no auditorio de Novacaixagalicia na Praza de Santa María.

About the author

Milesios administrator

Milesios nace a comezos do verán de 2009. Un grupo de amigos reúnense para poñer a nota tradicional no Penela Rock, unha cita anual da comarca monfortina. Úneos o seu interese pola música tradicional galega e irlandesa. Desde esa data actuaron en numerosos festivais: Rabafolc 2010, Festival celta máis pequeno do mundo, San Froilán 2011, 2013, 2015 e 2017, Noite Celta de Porcía 2012, Pardiñas 2012, Festival 27373 2014, Festival da Chaira 2013 e 2018, Sons da Celtibéria 2017, compartindo escenario con grupos como Berrogüetto, Capercaillie, Coetus, Kepa Junquera, Pepe Vaamonde Grupo, Quempallou ou Tiruleque. Tamén tocaron en locais de música en directo, como A Repichoca de Coruña, Marrucho de Baiona ou Clavicémbalo de Lugo. En 2011 foron un dos 10 finalistas do Proxecto Runas do Festival de Ortigueira. En 2015, foron premiados no III Certamen “Folk en la Sierra – FIS 2012”, ex aequo con BOC, de Baleares, e Menaya de Soria.