Venceredes vós.
Pero nosoutros
temos da nosa parte
os carballos de abril,
o pan de sapo, as beloritas,
o vagalume,
a troita, a vacaloura,
o xabaril e o corzo,
Venceredes vós
pero nosoutros
temos da nosa parte
o Cabo de Home, a illa
de San Simón, o lusco, o fusco
o Castromao, o Xallas, as lagoas
innumerables de Valverde
de Mogor, as encuastras
de Novelúa, o edículo
Venceredes vós,
romperedes a infinda
cadea que nos une
coas trabes do mundo,
pero nosoutros
mergullamos a boca
nos mil ríos de sangue
que estercaron a patria,
e no noso partido
militan todos os defuntos
que nos poñen aínda
a bosta nas zocas,
o cheiro a argazo nos fuciños
o trono da forxa nas orellas
a terra que xa son nas unllas.
E as feridas de ferro
ou negro chumbo e pólvora
nos corazóns atribulados.